
A cantautora Sés anunciou esta segunda feira que lanzará o vindeiro 25 de novembro o seu novo disco Diante un Eco, do que destaca a súa sonoridade « especialmente fresca e alegre » e que define como « unha volta aos inicios desde o oficio e a madurez ».
A artista explica nun comunicado de prensa que o título do seu novo traballo fai referencia « á concepción cíclica da historia, tristemente avalada pola deriva socio-política ».

Capa do novo traballo de Sés, ‘Diante un Eco’.
Trátase do seu oitavo disco en 11 anos de carreira musical. Para Sés, este novo traballo supón « unha reafirmación da estética popular da que sente amante e debedora, sen renunciar á calidade poética ».
A cantautora sinala que o disco viaxa entre « ritmos americanos do norte e do sur, repensados en galego e en feminino » e que, sendo fiel ao seu estilo, ten « as doses exactas de ‘rock and roll’, tradición oral galega e certa cadencia de canción de autor latinoamericana con actitude punk, reivindicación e manexo escénico ».
Xira promocional
Acompañada da súa banda, no seu percorrido inicial pola Galiza, conta xa con actuacións programadas para A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Vigo e Narón os días 10 e 17 de decembro, 14, 21 e 28 de xaneiro e 3 de febreiro, respectivamente.
Despois destes concertos dará comezo a unha xira promocional polo Estado español, que o levará a Ponferrada e Madrid, e posteriormente por varios países de Latinoamérica.