Escrito por Ramón Nicolás

Unha das novelas máis intensas, conmovedoras e desa estirpe infrecuente que deixa pouso na memoria é O Gran Caderno, de Ágota Kristóf. Publicada en lingua galega no ano 2000 en tradución de Marga Rodríguez Marcuño reaparece estes días en Rinoceronte Editora das mans de Moisés Barcia.

Kristóf (1935-2011) abandonou Hungría, país en que naceu, por razóns políticas para exiliarse en Suíza onde traballou nunha fábrica. Ademais de escribir diversas pezas teatrais, publicou esta novela en 1986, primeira parte dunha triloxía escrita en francés que se completa con A proba (1988) e A terceira mentira (1992) -ambas as dúas aínda sen traducir á nosa lingua-: páxinas protagonizadas todas elas polos irmáns xemelgos Klaus e Lucas que, nesta ocasión, relatan as súas vivencias cun estilo sinxelo e rotundo, onde non é difícil advertir resonancias dunha concepción teatral que outorga especial relevancia ao diálogo -sen enfeites, sempre conciso, tallante e cargado de significación-, ademais da xusta, aséptica e case minimalista descrición dos espazos e unha engrenaxe perfecta que resolve con éxito unha trama encaixada en capítulos breves.

A voz narrativa desvela, grazas aos dous xemelgos, as diversas caras que pode adoptar a crueldade, instalada no contexto dun conflito bélico como foi o da Segunda Guerra Mundial. É aí onde erixe unha crítica dos totalitarismos de maneira que a supervivencia, desposuída de calquera referente ético ou moral, é o único obxectivo para eles dous. Así pois, en parte, tamén é unha novela de aprendizaxe que non ofrece ningún tipo de concesión pois o gume do escalpelo que simbolizan esas voces vai afundíndose poderosamente para revelar o máis insospeitado e negativo da condición humana e deixalo á nosa vista: aí é cando non se pode afastar a mirada do máis estarrecedor que a guerra deixa nunha vila fronteiriza, nuns nenos, nunha familia e nun tempo.

A escritora afirmou nunha entrevista do 2007 que non podía reler os seus libros porque albiscaba que a súa escrita, que entendía como enxoita, negativa e desesperanzada, era ela mesma. Dun ou doutro xeito, é excelente esta nova oportunidade para coñecer un libro clave da literatura europea do século XX que nos explica, ademais, moitas cousas do noso presente convulso.

 

[Fonte: http://www.lavozdegalicia.es]