A presenza da lingua galega na tradución e na interpretación preocupa entre grupos de profesionais e tamén no ámbito da formación universitaria.
As interpretacións co galego como lingua de chegada son moito menos comúns que ao español, segundo Jacobo Currais (Foto: Nós Diario).

As interpretacións co galego como lingua de chegada son moito menos comúns que ao español, segundo Jacobo Currais.

Escrito por IAGO SUÁREZ

A presenza da lingua galega na tradución e na interpretación preocupa entre grupos de profesionais e tamén no ámbito da formación universitaria, con cada vez menos alumnado nas combinacións lingüísticas que inclúen o galego.

Esa situación é preocupante porque a actividade tradutiva e interpretativa pode outorgar prestixio a un idioma minorizado como é o caso do galego e axudar a normalizalo, algo que asegura a profesora Claudia Angelelli no seu traballo Revisitando o rol do intérprete, no cal expón que « a presenza dun idioma nunha práctica regulada e ensinada na universidade como a tradución e interpretación mellora o status e prestixio da mesma ».

Algo ao que tamén se referiu Iria Taibo, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), que en declaracións a Nós Diario explica que « moitas veces non pensamos no que hai detrás dunha escolla lingüística ou outra, se escollemos un servizo que se oferta en galego estamos contribuíndo a normalizar o idioma e tamén a xerar emprego para as profesionais que traballan coa nosa lingua ».

En canto ao mercado de traballo para a tradución e a interpretación en lingua galega, Taibo indica que « a pesar de que hai motivos para o optimismo como as novidades da nova lei do audiovisual, que melloran as oportunidades de traballo para o galego, o certo é que debería haber máis emprego para as profesionais que usamos o noso idioma ».

O papel que as Administracións desempeñan a este respecto tamén suscita a preocupación de Taibo, ao asegurar que « é preciso que cando unha Administración dea calquera tipo de apoio económico a algunha actividade relacionada co idioma se teña en conta o galego. Somos conscientes de que isto non se cumpre sempre ».

O galego na interpretación

A interpretación de congresos ou calquera outro tipo de interpretación pode ser unha ferramenta importante de prestixio e normalización da lingua galega. Con todo, a presenza do galego neste ámbito é escasa. Se ben non existen datos oficiais do uso do galego en interpretacións, si que contamos cos datos de profesionais como Jacobo Currais, tradutor e intérprete que leva máis de 20 anos exercendo a súa profesión e cuxas experiencias relata a este xornal.

Currais ten como linguas de traballo o galego, o español, o inglés e o portugués. Durante os máis 20 anos que leva traballando como freelance, realizou un gran número de interpretacións para un gran leque de clientes. Dun total de 219 traballos realizados profesionalmente, o galego estivo presente en 30 (13,7%), o inglés en 170 (77,6%), o portugués en 28 (12,8%) e o español en 189 (86,3 %). Estes resultados mostran claramente que o galego ten unha presenza moito menor en comparación co resto de linguas, nomeadamente co inglés, e aínda máis se se compara co español.

Revélase interesante tamén saber quen son os clientes das interpretacións de Currais ao galego. Nas súas palabras « a maior parte dos clientes foron formacións políticas ou sindicais, por tanto de titularidade privada ».

O galego en tradución e interpretación na universidade

A Universidade de Vigo (UVigo) é a única no país que oferta o grao en Tradución en Interpretación con diferentes combinacións lingüísticas que inclúen a lingua galega. Non obstante, a situación do idioma no grao non é alentadora, segundo indica a este xornal un docente da facultade de Filoloxía e Tradución que prefire non desvelar a súa identidade.

Segundo di, « cada vez hai menos alumnado que mostre interese pola lingua galega en xeral e, de feito, de 40 prazas que se ofertaron para a combinación de galego-inglés, só se cubriron menos de 20 ». Unha situación que, para este docente, revélase « verdadeiramente preocupante », xa que « a formación universitaria en tradución e interpretación en galego é vital para poder ofrecer servizos no noso idioma e de calidade ».

[Fonte: http://www.nosdiario.gal]