Archives des articles tagués Galeguidade

Marcas comerciais galegas – fonte: CCG

 

Escrito por Marcos Pérez Pena 

O galego vende. O emprego da lingua tanto na publicidade como nas marcas comerciais (e agora nas páxinas web ou na escolla do dominio propio .gal) achega identidade a un produto e un valor que o liga a un territorio ou a un xeito de facer. Con todo, a utilización do galego na publicidade é aínda minoritario e seguen sendo moitas as empresas -galegas ou foráneas- que rexeitan empregalo para chegar aos seus e ás súas posibles consumidoras.

A Real Academia Galega vén de publicar o último volume de Estudos de Onomástica, centrado nos « nomes comerciais », e que recolle nove contribucións presentadas o pasado 7 de novembro na V Xornada de Onomástica Galega, un encontro anual que conta co apoio da Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra. A obra, que se pode descargar de balde, afonda en distintas cuestións relacionadas co uso do galego nas marcas comerciais e na publicidade, tanto de forma xeral como en sectores determinados, como o vitivinícola, e contou coa participación de filólogas, da zoqueira Elena Ferro ou das publicistas Irene García e Raquel Boo, de Ekinocio, que subliñaron na súa intervención que “a verdadeira distinción está no propio”. 

Primeiro anuncio en galego publicado na prensa do país. 1876. Fonte: Real Academia Galega

A lingua e o dominio .gal, ausentes en moitas das grandes marcas galegas

A idea da identidade como valor estivo presente na maior parte das intervencións, coma a do profesor da Universidade de Vigo Benigno Fernández Salgado, que analizou as estra­texias lingüísticas de naming (a operación de poñer nome a unha marca ou em­presa) en marcas galegas e tamén se preguntou sobre a existencia ou non da “marca Galicia” e sobre cales son as vantaxes que ten empresarial e monetaria­mente a súa utilización. O profesor conclúe que « a situación de risco da lingua galega dependerá da vontade da sociedade para darlle vida tamén nas marcas comerciais, para que siga a cumprir o seu cometido desde que xurdiu: nomear o mundo ».

Hai importantes marcas galegas que non teñen punto .gal, que o teñen inactivo ou que só o empregan para direccionar a súa web a outro enderezo

Fernández Salgado tamén avaliou a utilización da lingua galega por marcas nas súas webs corporativas e na escolla ou non do dominio .gal. Para iso analizou as 50 marcas galegas máis coñecidas polo estudantado da Universidade de Vigo, concluíndo que só catro delas (Gadisa, R, Galaxia e Reizentolo) empregan habitualmente o dominio .gal; a elas pódese sumar Leite Río, que ten a web de Leyma en galego e emprega o .gal.

Pola contra, hai importantes marcas que non teñen punto .gal (Abanca, Larsa, Celta de Vigo…), outras que o teñen rexistrado pero o enderezo está inactivo (Inditex, Zara, LeiteNoso, Deleite…), outras que o empregan pero unicamente para redireccionar a unha páxina .es que ten versión en galego (Feiraco, Deportivo da Coruña, Monbús…) e as que o usan para redireccionar a unha páxina sen versión en galego (Ence, Naturgy…).

O 89% das marcas de viño do Ribeiro empregan o galego

O volume inclúe tamén un artigo da filóloga Raquel Rodríguez Parada baseado na investigación que realizou sobre os nomes das adegas e dos viño inscritos na Denominación de Orixe Ribeiro. O sector vitivinícola foi un dos primeiros en valorar a lin­gua galega como imaxe de marca e que, polo tanto, empezou a utilizala para bautizar os seus produtos. Os nomes dos viños Salto d’o CanEnxe­bre Veira d’o Miño, publicitados no xornal La Tierra Gallega da Habana están entre as primeiras marcas en galego.

Hoxe en día o sector do viño é un dos que emprega o galego na súa etiquetaxe con menos prexuízos, tanto para a súa distribución en Galicia como no estranxeiro, partindo do feito de que « a procedencia e o nome dos produtores son aval seguro para un bo viño ». De feito, na denominación de orixe, o 89% das denominacións empregan a lingua galega ou usan topónimos e antropónomos propios nas súas marcas comerciais. « Moitas das persoas adegueiras e colleiteiras son conscientes de que a lingua é unha boa carta de presentación para vender os seus produtos », conclúe a investigadora, que engade que mesmo para vender fóra de Galicia « gustan de identificar o viño ribeirao coa lingua da comunidade onde se produce, entendemos que para marcar a diferenza cos seus produtos, ben coñecidos a nivel mundial ».

Etiquetaxe en galego dun viño. Fonte: A flor e a abella

Xose González: dos ‘Contos do Castromil’ á militancia como consumidores

Xosé González, en representación do Foro Enrique Peinador, fixo un percorrido por algún dos avances experimentados nos últimos anos en Galicia na utilización comercial da lingua galega, sinalando tamén algúns dos retos pendentes. González subliñou, por exemplo, a iniciativa impulsada en 1989 pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e a empresa Castromil : a edición dos Contos do Castromil, distribuídos en todas as liñas da compañía e que durante anos supuxo a impresión e distribución de 450.000 exemplares de trinta obras orixinais, escritas ex professo para a ocasión.

O proceso de galeguización da compañía levou tamén nomear a os autobuses con nomes de personaxes senlleiros de Galicia. Desta maneira “Otero Pedrayo”, “Álvaro Cunqueiro”, “Castelao”… pasaron a ser nomes de liñas. “Vou no Álvaro Cunqueiro”, “Fomos de excursión no Luís Seoane”, escoitábase. “Co paso do tempo, a empresa Castromil contaxiou o seu exemplo a outras. Foi así como a Asociación de Funcionarios lle deu forma a un grupo de empresas que asumían, en distintos graos, a súa galeguización, pero que, dadas as súas características, cambiaron o código lingüístico nas súas comunicacións publicitarias”, destacou Xosé González.

Na súa intervención afirmou que “que haxa máis publicidade en galego e que sexa maior o número de produtos de consumo que incorporen a lingua galega nas súas etiquetas (que é publicidade) vai depender dalgunhas variables”, destacando en primeiro lugar que a Xunta “anime as empresas a galeguizárense. Pensamos, por exemplo, que nas liñas de subvencións abertas para as empresas en todas as modalidades, se incorpore entre as cláusulas estipuladas a obrigatoriedade de respectar os dereitos lingüísticos dos consumidores, consonte co establecido na Lei galega 2/2012”, que sinala que “a Administración autonómica incentivará a utilización da lingua galega na oferta de compra, na información de carácter fixo e documentación, nas relacións entre os consumidores, e destes cos ofertantes”.

Xosé González fixo tamén unha apelación aos partidos políticos e sindicatos do ámbito do galeguismo para que “concreten o seu discurso” deixando claro que “defender Galicia é defender os produtos locais que se identifican cos nosos valores patrimoniais”. “Ignoramos cales son os milleiros exactos de afiliados en xunto deses partidos e sindicatos. Pero si que afirmamos que, de seren máis consecuentes na exhortación de galeguidade, moito cambiaría o conto”, dixo, engadindo que “de nada valen as concentracións de masas en sinaladas datas do calendario (Día das Letras, 25 de Xullo…) se nelas non se concretan as medidas que cada cidadán debe exercer para defender a identidade deste país”. 

Os ‘Contos do Castromil’

Finalmente, González afirmou que “nunca Galicia tivo tantos medios humanos (profesorado de galego) e recursos (subvencións) para defender a lingua galega e tan escasos resultados” e buscou a razón “no mal enfoque que se lle deu ao proxecto normalizador da lingua galega”, destinando “os esforzos de medios e recursos ao ámbito literario, piar sobre o que se asentou a política lingüística”. “Xa que este representa, polo interese suscitado, unha ínfima parte da sociedade, quedou a inmensa maioría desasistida”, sinalou.

“Son ben sabidas as dificultades que hai que vencer para que a marea da galeguidade avance en ámbitos extraliterarios. Pero admitámolo: pola vía literaria pouco máis hai que agardar que non sexa satisfacer o interese dunha mínima porcentaxe da poboación. Unha lingua sobrevivirá se está presente en todos os eidos sociais, culturais e económicos”, concluíu.

[Fonte: http://www.praza.gal]

 

Por XESÚS ALONSO MONTERO

Ningún dos dous viaxou á cidade do Apóstolo, cidade que, por certo, tardou en recibir o pensamento revolucionario destes dous grandes pensadores alemáns do século XIX. Pero o 25 de xullo de 1950 -hai setenta anos- aconteceu algo en Santiago de Compostela que xustifica -penso- o título deste artigo. Nesa data, un grupo de amigos galeguistas fundou a editorial Galaxia, unha editorial que, como o Fútbol Club Barcelona, foi «més que un club», máis que unha fábrica de libros moi escolleitos. Foi, desde hai setenta anos, o faro dunha constelación de institucións e actividades que definiron e consolidaron unha nova concepción galega do acontecer cultural, a moderna concepción da galeguidade. De aí veñen todos, vimos todos, mesmo os críticos, xa existentes arredor do 60. O feito foi evocado, axeitadamente, hai días, nas páxinas deste xornal por Víctor F. Freixanes e por Antón Vidal, evocación na que era elemental poñer o acento no traballo teimoso e na fraternidade patriótica de Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla, presididos, simbolicamente, polo vello Patriarca, por don Ramón Otero Pedrayo. Non había alternativa: outra política, a da confrontación co cruel aparato represivo franquista, só a facía, naquelas duras calendas, o PCE, co inmenso tributo de torturas, sufrimentos familiares e anos de prisión. É un tema que cómpre esclarecer para os novos historiadores.

Xa na fratria galeguista de Galaxia hai un binomio que esixe un estudo especial: a relación entre Ramón Piñeiro (1915-1990), o gran deseñador intelectual do grupo, e Domingo García-Sabell (1908-2003), escritor de pluma sagaz e brillante e de moitos saberes, que se decatou axiña (1951) de que Piñeiro, aquel abnegado militante e apóstolo da nova galeguidade, necesitaba algo máis ca solidariedade cívica. Foi o Federico Engels do binomio compostelán. Sabido é que Engels non só colaborou con Marx en tarefas intelectuais concretas senón que, de familia moi acomodada, termou economicamente, en varias ocasións, do fogar de Marx, e fíxoo consciente de quen era o xenio necesario da causa, unha causa na que o propio Engels era un pensador de extraordinario talento.

Domingo García-Sabell e Ramón Piñeiro foron irmáns na causa e nunca ningún dos dous se sentiu humillado nin incómodo na colaboración. Foi unha relación, humanamente, inter, como a de Marx e a de Engels desde 1844. Por se fose pouco, a condición económica e cultural do doutor e pensador García-Sabell, con importantes contactos no Madrid antifranquista da época (e noutros lugares), proporcionoulle a Galaxia -e ao seu estratego Piñeiro- un recoñecemento intelectual fóra de Galicia que contribuíu a desterrar a imaxe folclórica e rural da cultura galega. Pénsese nestes seis celebérrimos nomes que, en 1958, colaboran no volume, publicado por Galaxia, pares Homaxe a Ramón Otero Pedrayo, que é unha homenaxe á cultura galega como cultura europea: Dámaso Alonso, José Luis L. Aranguren, Américo Castro, Pedro Laín Entralgo, Gregorio Marañón e Juan Rof Carballo. Todos eles chegan a Galaxia da man dun ilustre pensador chamado Domingo García-Sabell. En setembro de 1957, eu tiven ocasión de conversar con don Américo Castro, o gran filólogo exiliado, na casa do ilustre doutor compostelán. O Engels santiagués reunía na súa casa de Compostela -mansión de xuntanzas e de cultura moderna- voces moi preclaras da intelectualidade extragalega, axiña deslumbrados polo saber do anfitrión e os xestos intelixentes e educados da súa esposa, Elena Tormo. Nesas xuntanzas, estas mentes preclaras -de Rof Carballo a Américo Castro, de Aranguren a Laín…- non tardaban en advertir que Ramón Piñeiro -o Marx calado, sobrio, persuadido e persuasor- era a personalidade esencial daquel heroico rexurdir cultural. Sabíao moi ben Domingo García-Sabell e contribuíu, inxentemente, para que así fose.

 

[Fonte: http://www.lavozdegalicia.es]

Un artigo de L. C. Carballal

Segundo o dicionario da RAG un lusitanismo, tamén chamado portuguesismo ou lusismo, é “un trazo idiomático ou vocábulo propio do portugués”, e, por tanto, é un préstamo lingüístico do portugués. Mais como ocorre cos préstamos lingüísticos que tódalas linguas posúen, poden ser considerados necesarios ou innecesarios consonte ocupen un espazo baleiro dentro da lingua de recepción, destarte “cóndor”, “hamaca”, “puma” ou “tomate” son americanismos necesarios chegados a través do castelán porque serviron pra denominar conceptos inexistentes no galego patrimonial, en tanto que os anglicismos “boom” (auxe/expansión), “casting” (audición/proba de selección), “jeans” (pantalón vaqueiro), “sponsor” (patrocinador) ou “tícket” (billete) –este admitido pola RAG–, son claramente innecesarios porque se poden substituír por palabras galegas sen problema ningún. Estes préstamos innecesarios son tamén denominados “de luxo”, porque como este indican máis status ca necesidade.

Xa que logo, os lusitanismos de luxo son todos aqueles que usamos na nosa lingua, fundamentalmente no galego estándar, no canto das formas propias xeradas polo galego. Algúns son portuguesismos absolutos, porque nunca denantes da época contemporánea se documentaran en galego, como: a locución no entanto (con todo, emporiso), que se documenta a partir da década dos vinte do século pasado; ou xanela, palabra inexistente na Idade Media que só rexistra “feestra/fiestra”, a primeira forma dominando no s. XIII e a segunda nos séculos seguintes, e que tampouco rexistra o vocábulo hoxe maioritario “ventá”, castelanismo evidente documentado dende o s. XIX, mentres que “xanela” comeza a usarse no s. XX; etc.

Mentres que outros, formas minoritarias pro si documentadas en galego, posibelmente deben o seu suceso actual no galego estándar a seren as formas usadas polo portugués normativo, e mesmo substituíron as nosas palabras maioritarias patrimoniais, como: até, forma moi minoritaria na Idade media que reaparece a comezos do século pasado pra competir con “ata”, forma maioritaria medieval, substituída na Idade Moderna pola palabra castelán; coñecer, forma apenas documentada na Idade Media (3 rexistros na lírica do s. XIII) fronte á maioritaria “coñocer/coñoscer”, que sucumbiu ante a forma castelá, reaparece con forza a finais do s. XIX pra combater o castelanismo; milagre, que na Idade Media soamente aparece rexistrada unha única vez no s. XIV fronte a “miragre”, a forma predominante, convértese na forma maioritaria dende o inicios do s. XIX fronte a “miragre” e o castelanismo “milagro”; néboa, rexistrada unha soa vez no s. XIV (neuoa) fronte á máis usual “nebla/nebra”, reaparece a comezos do s. XVII e despois xa con forza a partir do último cuarto do s. XIX, namentres que “nebra” tivo moito menos emprego; raíña, forma minoritaria medieval fronte a “reíña”, escrita como reynareinna… e mesmo reinha en 4 rexistros líricos, volve usarse dende finais do s. XIX pra desterrar o dominante castelanismo, sorte que non correu “reíña”, moi pouco utilizada; testemuño, forma moi minoritaria na Idade Media fronte á maioritaria “testemoio” e outras menos usadas como: testimoniotestimoiotestemuiotestemonio ou testimuio, que volve ser usada no galego contemporáneo a partir da década dos 30 do pasado século pra substituír o hexemónico castelanismo, en pugna coa forma maioritaria medieval que non tivo éxito malia ser usada na Revista Nós e por autores como Castelao, Vicente Risco ou Ramón Piñeiro; etc.

Porén, alén dos citados, todos eles asumidos polo galego estándar, hai unha gran cantidade de lusitanismos innecesarios, non aceptados pola lingua estándar, que amais moitos deles son contraproducentes, ben porque xa o galego ten a súa palabra axeitada ou un castelanismo plenamente asumido, ben porque é maior a confusión que crean cá solución que proporcionan. Son do primeiro tipo: barata (cascuda), beco (rúa cega), berma (beiravía), caneta (bolígrafo), comboio (tren), envelope (sobre), frango (polo), gafañoto (saltón), greve (folga) –e “dia de folga” (día festivo)–, lenzol (saba), louva-a-deus (barbantesa), maca (padiola), morango (amorodo, morote), omelete (tortilla), pirilampo (vagalume), sande (bocadillo), torneira (billa), travón (freo), urso (oso), ventoíña (ventilador), vereador (concelleiro), xirino (cágado) etc. E do segundo tipo: asa (á), banco “dun coche” (asento), bengala (caxato), carriña (furgoneta), carro (coche), chifres (cornos), corrente (cadea), cravo (caravel), deseño (debuxo) –e “design” (deseño)–, eléctrico (tranvía), farol (faro), fregués (seareiro), garrafa (botella), macaco (mono), mariposa (avelaíña, velairiña), nota (billete monetario), oficina (taller), paseo (beirarrúa), pasta (carpeta), plano (plan), prego (cravo), presunto (xamón), reforma (xubilación), romance (novela), salsa (perexil), sinal (lunar), sotao (faiado) –e “cave (soto)–, taller (cuberto de mesa) etc. 

Tamén podemos incluír aquí os lusitanismos morfolóxicos, que son as variantes portuguesas de palabras comúns preferidas ás usadas polo galego estándar. Aínda que moitas destas variantes teñan presenza no galego dialectal, o seu emprego vén motivado unicamente por seren as formas utilizadas polo portugués estándar, como as que engaden -E final: mole (mol), pele (pel) ou vale (val); as que suplimen algunha consoante: baú (baúl) ou feto (fento); ou suplimen algunha vogal: funcho (fiuncho) ou teto (teito); as que levan algún L máis: esquilo (esquío), floresta (foresta) ou gelo (xeo); ou algún E máis: carregar (cargar), fevereiro (febreiro), oferenda (ofrenda) ou úbere (ubre); as que engaden un A- inicial: alaúde (laúde), apresentar (presentar) ou aquecer (quecer); ou o suplimen no inicio: cá (acá/acó), lacrau (alacrán) ou vespa (avespa); ou no final: avó (avoa), maré (marea), mó (moa) ou só (soa); as que trocan o A polo E: enguia (anguía), rebanho (rabaño) ou selvagem (salvaxe); ou mesmo polo O: engodo (engado) ou fome (fame) –mais “famelgo” (famento)–; ou o E polo I: direito (dereito), dívida (débeda), inveja (envexa), inteiro (enteiro), tépido (tépedo) ou vizinho (veciño); ou o U polo O: comprido (cumprido), cobrir (cubrir), colher (culler), coruja (curuxa) ou tossir (tusir); ou o U polo ditongo OI: fruta (froita), luta (loita) ou truta (troita); ou o ditongo OI polo OU: açoite (azoute), coice (couce) ou foice (fouce); ou ao revés o OU polo OI: couro (coiro), tesoura (tesoira) ou vassoura (vasoira); ou o ditongo UI polo OI: entruido (entroido), cuidar (coidar) ou muito (moito); ou o EI polo E: brejo (breixo), carqueja (carqueixa), cereja (cereixa) ou texugo (teixugo); ou o OU polo O: aposento (apousento) ou mocho (moucho); as que teñen iode antihiático: baleia (balea), cheio (cheo), ideia (idea) ou seio (seo); as que teñen ditongo no canto de hiato: céu (ceo), troféu (trofeo), vau (vao) ou véu (veo); as que preferen o D ao T: bigode (bigote), faculdade (facultade) ou fadiga (fatiga); ou o T ao D: natal (nadal) ou potro (poldro); ou o L ao R: flauta (frauta), flecha (frecha) ou javali (xabaril); ou o S/SS ao X: asinha (axiña), pássaro (paxaro) pêssego (pexego), sabom (xabón) ou seringa (xiringa); ou o S ao Z: sapato (zapato), soco (zoco), sugar (zugar) ou sumo (zume); as que engaden unha sílaba inicial: alçapão (zapón), enxaqueca (xaqueca) ou enxofre (xofre); ou as que a perden: cânfora (alcanfor) ou cipreste (alcipreste); as que presentan metátese consonántica: borboleta (bolboreta), disfarce (disfrace), grinalda (grilanda) ou melro (merlo); ou mesmo vocal: joelho (xeonllo); etc.

En verdade, todos estes portuguesismos aparecen fundamentalmente nos textos reintegracionistas, moitos deles escritos directamente en portugués, polo que inciden moi pouco no galego estándar.

Con todo, tamén hai ou pode haber lusitanismos necesarios, que nunca son ou serían “de luxo”, na nosa lingua porque chegan pra substituír os moitos castelanismos que, por motivos históricos e diglósicos, inzan o galego. Moitos deles xa admitidos na lingua estándar, por veces compartindo sinonimia coa palabra que nos entrou a través do castelán, como: altofalante (*altavoz), ananás (piña), andar (piso, planta), atol (*atolón), axuda de custo (*dieta), bixutería (*bisutería), bolsista (*bursátil), cachimba (pipa), caixa do correo (*buzón), cervexa (*cerveza), chinés (*chino), citania (castro grande), colete (chaleco), crioulo (*criollo), despedimento (despido), espinafre (espinaca), investir (*invertir), ferro de pasar (*plancha), garfo (*tenedor), gravata (*corbata), materia (*asignatura), miraxe (espellismo), nicaraguano (*nicaraguense), orquestra (*orquesta), orzar (presupostar), pagode [m.] (*pagoda [f.]), papagaio (*loro), parágrafo e alínea (*párrafo), paralama (gardalama), patibular (*patibulario), peúgo (calcetín), rañaceos (*rascaceos), tartaruga (*tortuga), til (acento de nasalidade), tucano (*tucán), varredor (*varrendeiro), vertixe (*vértigo), vírgula (coma), vocábulo (*vocablo), xuro (rédito) etc.

Mais tamén hai aínda unha gran posibilidade de incorporación de lusitanismos pra seguir na senda de descastelanizar o noso vocabulario, excesivamente influído pola lingua estatal. Así poderiamos incorporar palabras como: abacate e abacateiro (aguacate), aceite – só pró de oliva e “óleo” pró resto–, amendoín (cacahuete), arame farpado (arame de espiño/de pugas), baixel (barco), beterraba (remolacha), billeteira (despacho de billetes), búsola (compás), cientista (científico [s.]), ciúmes (celos), diplomata (diplomático [s.]), embondeiro (baobab), lexenda (lenda) –nas acepcións de pé explicativo e inscrición–, magrebino/marroquino etc. (magrebí/marroquí etc.) –seguindo os xentilicios tradicionais: monfortino, fonsagradino etc.–, melancía (sandía), orgullar(se) (sentir orgullo), osga (Tarentola mauritanica) –usada xa en textos de herpetoloxía–, parlamentar (adx.), percurso (percorrido), poboación/populación –lugar poboado/conxunto de persoas dun lugar–, predio (edificio), recife (arrecife), retábulo (retablo), salada (ensalada) –do fr. “salade”–, saldos (rebaixas), seiva (zume), sotaque (pronuncia dun lugar), tatú –no dRAG só admitido prá especie Dasypus novemcinctus– (armadillo), tourada (corrida de touros), tubarón (tiburón), vocabular (adx.), xiboa (serpe boa) etc.

Aínda que a inmensa maioría dos lusitanismos son léxicos, como ocorre cos demais préstamos lingüísticos doutras linguas, tamén existe algún morfolóxico como o sufixo “-bel/-beis” na súa forma plural. O estudo do profesor R. Mariño Paz: “Forma e función do sufixo -uel no galego medieval” publicado en Cadernos de Lingua nº 27 (2005) non deixa marxe á dúbida verbo da galeguidade do sufixo “-bel” < lat. “-bilis”, maioritariamente escrito con V na Idade Media e forma dominante ata mesmo a metade do s.XV, fronte ao sufixo castelán hoxe dominante “-ble/-bre”, mais á súa vez tamén documenta como o plural patrimonial era predominantemente “-veles” e minoritariamente “-viles” e “-vi(i)s” pro nunca “-veis”. Esta forma plural portuguesa principiou a usarse en galego a comezos do s. XX pra ao cabo ser a única utilizada neste sufixo. Con todo, é moi preferíbel empregar este sufixo parcialmente portugués –só na súa forma plural–, admitido pola RAG, có dominante e preferido “-ble(s)”, puro castelanismo na súa totalidade.

En definitiva, un lusitanismo xamais debería substituír ningún xenuíno vocábulo galego pro si unha gran parte dos castelanismos que usamos no noso idioma, posibilitando que este estea máis próximo da nosa lingua irmá e á vez sirvan pra poñermos máis unha barreira contra o proceso de asimilación que sofremos pola lingua hexemónica.

[Fonte: http://www.praza.gal]

San Facundo de Ribas de Miño é un camposanto especial: todos os seus rótulos funerarios están escritos na lingua de Rosalía

A igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela (Lugo).

Por Victoria García

Só existe un cemiterio en Galicia que teña todas as súas lápidas en galego. Está situado no municipio lucense de Paradela e a razón desta unanimidade lingüística é un acordo dos veciños, que decidiron unificar o deseño das sepulturas, a súa tipografía e tamén o idioma. Agora: San Facundo de Ribas de Miño ten o raro privilexio de que todos os seus escritos mortuorios están na lingua de Rosalía.

Para celebrar este feito, e co gallo do Día de Defuntos, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e o Concello de Paradela, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, celebrarán o día 31 de outubro un acto para “reafirmar o uso do idioma propio no único cemiterio con todas as lápidas en galego”.

Todas as lápidas de San Facundo están escritas en galego.

O acto comezará na propia Casa do Concello de Paradela, ás doce do mediodía, onde o alcalde de localidade, José Manuel Mato, dará a benvida aos participantes e aos veciños do municipio que queiran sumarse ao mesmo. Posteriormente, os presentes que o desexen asinarán a “acta de reafirmación de Galeguidade”, dentro da iniciativa ‘En Galego, agora e sempre’, para declarar que queren “que a súa despedida vital, funerais e todas as cerimonias de despedida da vida sexa feitas en galego”.

O acto no Concello rematará coas palabras do presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, Xosé González Martínez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Espectacular vista de San Facundo.

Desde a capital municipal, os participantes desprazaranse ao cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño, onde se descubrirá unha placa para deixará constancia desta celebración. Os participantes visitarán o cemiterio e a igrexa, acompañados polo sacerdote e musicólogo Xesús Mato, premiado coa Medalla Castelao e Fillo Predilecto do Concello de Paradela.

San Facundo fúndase no século XII para acoller aos peregrinos que se dirixían a Santiago de Compostela. Despois da destrución da ponte que cruzaba o Miño en Portomarín por Dona Urraca, os monxes beneditinos instálanse neste lugar do Miño para cruzar en barca os peregrinos. Cando se reconstrúe a ponte, en San Facundo refuxiábanse os viaxeiros que non podían pagar o pontádego de Portomarín.

No ano 1620 pasou a ser priorado do mosteiro cisterciense de Santa María de Montederramo.

O conxunto está situado nunha paraxe de gran beleza, próximo ao río Miño e rodeado de viñedos, declarado Monumento Nacional en 1982.

[Fonte: http://www.gciencia.com]