Emma Pedreira

Escrito por RAMÓN NICOLÁS

Quizais poida clasificarse A boca da sombra, de Emma Pedreira, como unha novela ou unha colectánea de fragmentos narrativos dispostos anarquicamente, ou non; mais o que si queda fóra de toda dúbida é a miña consideración destas páxinas, no ronsel habitual da autora, como un artefacto literario valente, infrecuente e escasamente convencional.

Velaí como baixo a imposición que marca, á mantenta, a contención expresiva e a brevidade precipítansenos, desde a primeira liña, nas estremas ou nese fino gume que afasta a morte da vida: algo que asume o corpo da muller, obxecto e suxeito ao mesmo tempo. Velaí, igualmente, como se constrúe un mundo onde alguén persegue con teimosía matar as prostitutas que poboan e gobernan a cidade de Putown: liña argumental operativa para describir personaxes e situacións que agroman aquí e acolá ao tempo que resulta imposible calibrar as consecuencias dunha violencia exercida per se. Malia todo, nese universo o poder resiste nelas, xustamente porque son as mulleres as que organizan a cidade na que pervive a prostitución como «espiña dorsal» e onde as vértebras desta columna son «o eros e o tánatos». A cidade creceu tras diversas guerras que durante trinta anos asolaron Mittelterra, ergueuse enriba doutra e goza de «idiosincrasia, gramática, servizos básicos e memoria propia» onde as vellas son a fonte do coñecemento.

A proposta, composta por textos regularmente curtos, exhibe unha auréola de misterio, de imprecisión bretemosa, de incógnitas sen desvelar, mesmo de enigmas que non se sabe se gozarán de resolución ou non ao abeirárense a un ton críptico que outorga unha marxe ampla de interpretación ao ir máis alá do que en aparencia se conta. O que si se testemuña e asalta as conciencias, unha e outra vez, é a presenza recorrente da morte en forma dos acontecementos e das persoas que teñen que ver con ela como o médico forense Bastián ou como Benedicto: un novo e subornable Caronte, mais tamén nesoutras voces que pasan e que, aos poucos, van desaparecendo como Yfixenia, Hildegard ou Oona entre tantas outras. Personaxes, neste caso, ao servizo dunha trama que persegue a reflexión e, tamén, a implicación intensa no seu discorrer.

 

[Foto: Nuria Cancela – fonte: http://www.lavozdegalicia.es]