A Academia Galega recibe este sábado como membro de honra ao profesor, embaixador da lingua e a cultura galega en Xapón. Asaka descubriu o galego en 1977 durante unha estancia en Madrid ao ver nun quiosco un semanario que non estaba escrito no mesmo idioma que o resto. Era ‘A Nosa Terra’.

 

Takekazu Asaka (Tokio, 1952) foi nomeado este sábado novo académico de honra da Real Academia Galega (RAG), nun acto celebrado en Cambados (O Salnés), no que expresou o seu amor polo galego. « Para min, nipogalego, a lingua propia de Galiza é a miña segunda lingua », trasladou.

Asaka foi profesor de castelán na Universidade Tsudajuku durante décadas pero a súa paixón é desde hai moito a lingua e a cultura galega e exerce como embaixador cultural da Galiza no seu país natal. En recoñecemento a este labor, a RAG recibiu este sábado Takekazu Asaka como membro de honra na vila de Ramón Cabanillas, un dos clásicos galegos que o homenaxeado traduciu ao xaponés.

O filólogo nipón levou tamén o seu idioma materno a Rosalía de Castro, Uxío Novoneyra ou os poetas medievais, promoveu a súa difusión a través da música, editou manuais pioneiros para a aprendizaxe do galego desde o xaponés, impartiu durante máis de 15 anos clases en varias universidades do país e estudou fenómenos como a gheada, o pronome de solidariedade e o infinitivo conxugado.

Ademais, tal e como destacou a RAG, séntense parte da Galiza, país ao que o unen numerosas amizades que o acompañaron este mediodía.

« Para min, nipogalego, desde hai anos a lingua propia de Galiza é a miña segunda lingua. Ser membro de honra desta institución é o máximo que podería esperar dunha terra e dunha xente que tan ben me acolleron, e que me acolle cada vez que volvo », declarou o profesor na apertura da súa intervención, titulada ‘Do poñente ó nacente. Unha ollada de honra’.

A RAG agradeceu a entrega á causa de Galiza deste xaponés, fillo e neto de agricultores do Tokio rural, e recoñece o seu labor incansable na defensa do galego e da cultura da súa segunda patria, tal e como expresou o académico de número cambadés Francisco Fernández Rei na resposta que lle deu en nome da Academia. « Hai moito tempo que simbolizas a forza que vén de lonxe, de ben lonxe no teu caso », concluíu.

A cerimonia, celebrada no Auditorio da Xuventude de Cambados, incluíu un recital poético a cargo da soprano Miho Faga e a pianista Kazumi Ogura, encargadas de interpretar varios poemas de Cabanillas e Celso Emilio traducidos ao xaponés polo novo académico de honra.

O profesor Takekazu adoita completar as súas edicións xaponesas de autores galegos con cedés de versións musicais. Ademais, promove no seu país, desde o ano 2008, o Ciclo de música e poesía galega.

Takekazu relatou como descubriu o galego a finais dos anos 70 e foi crecendo a súa relación co idioma no plano intelectual e no emocional. En 1977 realizaba unha estancia en Madrid para estudar castelán. Alí, na praza de Cibeles, comprou o seu primeiro exemplar do semanario A Nosa Terra. « Sorprendeume moito que non estivese escrito no mesmo idioma que outros xornais españois, foi o primeiro contacto que tiven co galego », indicou

Tras facerlle entrega da medalla e do diploma de académico de honra, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, agradeceulle a Takekazu Asaka a amizade « intensa e xenerosa » que mantén con Galiza e a súa lingua e cultura.

[Foto: RAG – fonte: http://www.nosdiario.gal]